O museo Salgadeiras de Moreiras

É un museo etnográfico orientado a mostrar a vida e traballos dos mariñeiros galegos, cuxa titularidade lle corresponde ao Ilmo. Concello de O Grove.

A historia da concepción deste museo etnográfico é recente. Comeza a súa andadura no ano 2001 coa redacción do proxecto museolóxico a cargo do biólogo mariño José Luis Escalante González e o proxecto de restauración dos edificios que o compoñen polo gabinete de arquitectos formado por Carolina Álvarez Míguez e David Cacabelos Rico.

Malia que no ano 2007 abre por primeira vez as súas portas, continúa aínda hoxe a súa ampliación.

A información que dá lugar ao seu contido, así como a recolleita da maioría da súas pezas, provén das sucesivas exposicións que, anos antes, foron realizadas nas festas do marisco, para o cal foron vitais as achegas dos mariñeiros de todos as vilas costeiras de Galicia.

Desde 1991 comezaron a realizarse mostras que, aínda que baseadas ao principio na exposición de mariscos e peixes en grandes acuarios, completábanse sempre con elementos de etnografía marítima cuxa presenza e interese foron gañando importancia.

Finalmente, a carpa temática Mar a dentro, instalada durante cinco anos durante as festas do marisco na zona portuaria e dedicada a divulgar os diferentes aspectos que fundamentan a actividade pesqueira nas rías, serviu como base e arranque do proxecto que se desenvolve en Punta Moreiras.